martes, 11 de septiembre de 2007

Petición de ditame á Xunta Rectora do Parque Natural de Corrubedo

Os veciños de Laxe Brava, fixemos hoxe entrega dun documento dirixido á Xunta Rectora do Parque Natural de Corrubedo por mor do Parque Acuícola Laxe Brava, que di así:
"Diante da intención da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia de promover unha planta de engorde de peixes planos no Corgo (Corrubedo), dentro do Plan sectorial de Acuicultura de Galicia, diversas entidades se teñen pronunciado sobre a dita instalación.
Os propietarios das terras que serán expropiadas (308.000 m2) presentamos 730 documentos de alegacións onde rexeitábamos, entre outras cousas, que o proxecto fose de interés público e de incidencia supramunicipal, ademais de consideracións de tipo ambiental, entre as que queremos destacar a posible afectación que podería ter, dada a proximidade, co Parque Natural, a menos de mil cincocentos metros.
A planta proxectada para o Corgo (Laxe Brava- Parque nº 9) sería, de implantarse a meirande de Europa, unha macropiscifactoría que empregaría un caudal de auga de 15 m3 por segundo e verquería na franxa costeira cercana ao parque efluentes cunha alta carga orgánica. Incrementaríase notablemente no entorno do Parque o tráfico pesado e a contaminación acústica que toda actividade industrial conleva, ademáis das agresivas obras civiles precisas para a instalación, tales como a construcción de novos viales, tendidos eléctricos e a mesma planta, un xigantesco continuo de formigón e plásticos mesmo lindando – cando non invadindo, como ocurrirá cos conductos de captación e evacuación de augas - cunha fráxil área de Rede Natura que discurre en dirección Noreste. Ademáis sofriría un importante impacto a paisaxe xa que quedaría destruida totalmente nos 308.000m2 xusto a carón do Parque Natural.
Tamén se perdería un importante patrimonio cultural, patrimonio inmaterial pero non menos digno de protexer e salvagardar para futuras xeracións (toponimia, lendas, tradicións).
Os cidadáns que vivimos nas proximidades do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán disfrutamos de xeito directo dun entorno natural privilexiado, patrimonio de todos os galegos, e somos en razón desta proximidade os principais interesados na súa defensa, sendo os primeiros perxudicados no caso de que o Parque ou o seu contorno se deteriore. É por isto, que os propietarios dos terrenos afectados, que nun número importante tamén aportamos terras para o Parque Natural, solicitamos a opinión cualificada desta Xunta Rectora sobre a instalación do Parque nº 9 – Laxe Brava, que ao noso entender danaría irremediablemente un contorno privilexiado xusto a carón dun Parque Natural que é emblema da bisbarra e de Galicia polos seus valores ambientais paisaxísticos e culturais."
Esperamos a resposta.

3 comentarios:

fatima dijo...

A verdade é que é moi triste que sigamos a destrozar os poucos espazos salvaxes que lle quedan a esta terra. Xa non nos chega con destruir a capa de Ozono e co cambio climático, senon que tamén temos que seguir destrozando rios, praias e montes tan fermosos que entolecerían a persoa máis sensata. Xa non poderemos voltar a oir en paz e soidade a voz do mar, o canto dos rios e o chiar dos paxaros nos montes.
¿Que fai o goberno se non queres axudalos a destruir a tua comunidade autonoma? A resposta alarmante pero sinxela...bótante, expropian os teus terreos e listo.
O que está moi claro é que o peixe grande come o pequeno, pero moitos peixes pequenos xuntos poden comer ao grande.
Por iso non deixes que esto morra...AXUDAOS, AXUDATE A TI MESMO E AXUDA A TUA TERRA.

Laxe Brava dijo...

Efectivamente, fatima , moitos peixes pequenos poden senón comer, polo menos, escorrentar ao grande.
Hoxe será convocada unha manifestación en contra do Plan Sectorial da Acuicultura e a que solicitamos a presencia de tódalas persoas preocupadas pola destrucción sistemática da nosa identidade natural. Ahí poderemos facernos oir ante esta Administración.

Laxe Brava dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.