martes, 1 de julio de 2008

María Xosé Caride, co Cártel do Rodaballo

A principios deste mes de Xuño, o Consellerio de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, dou luz verde á tramitación do Plan Sectorial da Acuicultura de Galicia (PSAG) no que respecta ás competencias do departamento que dirixe, mediante un curioso procedemento. En lugar de revisar en profundidade as moitas eivas do Plan, demora de xeito sibilino ata a fase de tramitación de cada un dos proxectos un estudio ambiental detallado. Daquela, tratará caso por caso e a ben seguro coa desinteresada colaboración de cada unha das empresas, as condicións das instalacións, burlando así na letra e na forma as Directivas europeas en materia de protección Medioambiental.
Agora tócalle turno á Sra.Conselleira de Política Territorial, dona María Xosé Caride, que o pasado día 27 de Xuño, presentou a bombo e platillo as directrices para a ordeación do territorio, entre a que destaca o tan esperado Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, salientando que a ‘o litoral galego é unha singularidade que hai que preservar; así se deduce das Directrices de Ordeación do Territorio, que pretenden un desenrolo equilibrado entre os seus valores paisaxísticos, ecolóxicos, urbanos e económicos’. Para a continuación engadir, en referencia ao PSAG: ‘as novas plantas de acuicultura sólo se poderán emprazar en solos de titularidade pública, explotados en réxime de concesión’. É máis que evidente para os que coñecemos a nosa costa que non existen grandes superficies cuxo titular sexa a administración pública e que cumpran os requisitos esixidos polas empresas de acuicultura industrial para a instalación das súa factorías. Sin embargo, a Sra. Caride non explica á cidadanía que non coñece detalladamente a realidade do litoral, cómo pretende dispor de tamaña superficie, nada máis e nada menos que 3,5 millóns de metros cadrados, se administración non é a súa titular. Evidentemente, nós si que o sabemos: expropiando forzosamente aos seus lexítimos propietarios. As abxectas intencións de Caride, en connivencia coas empresas son varias:

En primeiro lugar evitar a crítica pola privatización encuberta do litoral, do que os políticos arrenegan en público e executan en privado, posto que según ela o chan será público. Claro que se porá a disposición das empresas que, se algún día rematan co seu negocio, poderán pechar as fábricas e deixarán o custo de recuperación da contorna a costa dos presupostos públicos.

Evítanlle ás empresa os enormes custos e posibles riscos de obter os terreos. Por exemplo, se a administración expropia forzosamente e con posterioridade un xuíz declara ilegal o procedemento, será a propia Xunta – ou o que é o mesmo, todos nós – os que teñamos que asumir o custo das indemnizacións. É dicir,
as compañías non teñen nada que perder porque nada arriscan e teñen moito a ganar.

Abolición do libre mercado. Con tando ardor que defenden as empresas o libre mercado, botan man da Xunta cando precisan o que non son quen de conquerir por elas mesmas mediante a negociación. De feito, Isidro de la Cal, tentou mercar Laxe Brava, pero ante a resistencia dos veciños, acudeu á Consellería de Pesca para que usurpase as propiedades dos cidadáns.

Fálase de concesión pública que se adxudicará en concurso aberto. Minte a Sra. Conselleira pois cónstanos que as empresas seleccionaron cadansúas ubicacións para as súas fábricas, esixíndolle á Xunta de Galicia que acometese as expropiacións e os preparando os proxectos que xa están listos para botar a andar. É este Cártel do Rodaballo quen decide donde e cómo se instala cadaquén e reparte a costa en función do seu interés, pervertindo así a libre concurrencia, lesionado os dereitos do resto dos cidadáns e
manipulando como un pelele ao governo de Touriño.

Resulta inmoral que se lles ofrezca estas facilidades a unhas empresas que xeneran un número tan reducido de postos de traballo de pésima calidade, como así o demostra a conflictividade laboral nalgunhas destas plantas, e ademáis se lles vaian a conceder 390 millóns de euros en subvencións públicas.

O que propugna Dña. María Xosé Caride con este Plan é nin máis nin menos que a abolición da propiedade privada en Galicia – sempre que non sexa a súa, claro está – e a confiscación de todos aqueles bens que estime oportuno sen máis límites que compracer a avaricia das multinacionáis acuícolas. Que para iso teña que facer uso da Lei de Expropiación Forzosa de 1954 (LEI FRANQUISTA que segue en vigor dende hai máis de 50 anos con pequenas modificacións no seu articulado) que agora utilizan os “progres” para expoliar aos mesmos que se expoliaba no 54 para darllo en bandexa de prata ás multinacionais do peixe plano (xa sabedes as defensoras a ultranza do libre mercado que non teñen rubor en valerse dunha lei do ano 54 para apagar os seus degaros de cartos) .

Dona María Xosé Caride despois de avalar xunto co Goberno ao que pertence un Plan como o acuícola non imos gastar un segundo en tentar que entre vostede en razón, sería tempo perdido.
Esta nota vai dirixida á xente do común para que se entere de cal é o chan público de que falan os membros do Goberno da Xunta. ¿Non vos recorda a situación ao tempo no que no país se construían encoros?. Para o Plan acuícola aplícase a mesma Lei. Aviso para demócratas: Lei de Expropiación Forzosa de 1954.

sábado, 28 de junio de 2008

Carreira campo a Través do Corgo



O vindeiro día 6 de Xullo terá lugar a II edición da Carreira Campo a través do Corgo, en Corrubedo. Esta é unha excelente oportunidade para coñecer a zona de Laxe Brava, por donde discurre gran parte do percorrido, e apreciar a singular beleza destes paraxes namentres practicamos un pouco de deporte. Podedes obter máis información na páxina oficial de Correr en Galicia.
Estades convidados a sumarvos á 'Carreira pola defensa da paisaxe". Esperámosvos.

sábado, 16 de febrero de 2008

Manifestación Galicia non se Vende

O vindeiro día 17 de febreiro, ás 12 da mañá na Alameda de Santiago, nova convocatoria de Galicia non se vende. Estades convidados.



Prepotencia, silencio e opacidade, divisas do governo do Sr. Touriño


Depois destes últimos seis meses nos que veciños de Laxe Brava vimos aportando razóns contundentes sobre o noso rexeitamento razoado á instalación dunha piscifactoría nas nosas terras e que explicitamos nas máis de 700 alegacións, e coincidindo ca época do Antroido, a Consellería ven de rexeitar os nosos argumentos. O cal, ponnos en bandexa adxetivar a contestación (qué nome tan oportuno o de antroidada para o dislate da resposta), queremos facer públicas algunhas consideracións sobre a resposta da Consellería:
a) Contesta a Consellería aos nosos argumentos rexeitando “o carácter supramunicipal así como do resto de preceptos legais e norrmativos aos que se fai referencia son de carácter completamente subxectivo”. Así, sen máis, os argumentos son subxectivos, arrogándose a posesión da obxectividade. Da obxectividade, a igualdade de trato, a ética e a estética política da Consellería temos probas abondo dende a publicación no DOG do Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia (PSAG). Basta revisar as hemerotecas para saber que a Conselleira non recibiu a ningunha organización que rexeita o PSAG, mais tivo tempo para facer unha xira de visitas a Empresas de Acuicultura, non sabemos se para convencer aos empresarios das bondades do Plan, para dicirlles persoalmente que rexeita todas as alegacións ou por outros motivos que non albiscamos, pero si sabemos que polo menos aproveita a xira para gabarse dos cartos públicos que leva invertidos nas empresas que visita (consúltense na páxina Web da Consellería de Pesca as reseñas últimas da xira).

b) Afirma a Consellería que “o interese público e a utilidade social do Plan resulta evidente se se teñen en conta aspectos tales como o seu alcance rexional, a importancia social, económica e ambiental do sector, a necesidade da súa regulación e o carácter do seu promotor (Xunta de Galicia)”. Contestar a certas cuestións como as que se plantexan no parágrafo anterior prodúcenos rubor xa que as administracións públicas teñen promovido neste país verdadeiras aberracións, consentido outras ou mesmo que algunhas delas sexan de tanto interese público, utilidade social e desmesura (Cidade da Cultura) que poden poñer en perigo a propia financiación dalgunha Consellería, ou que reciban labazadas de organismos fiscalizadores da propia administración, non parece ser un bo aval para afirmar que como a Xunta é a promotora é evidente a súa bondade.

c) Di a Consellería que “a actividade acuícola deba instalarse en espazos rurais inmediatamente lindantes co mar non parece que requira dunha argumentación técnica nin económica particularmente detallada tendo en conta entre outros factores sinalados no plan a absoluta dependencia de obtención de auga do mar en óptimas condicións”. ¿É esta forma de “respostar a todas e cada unha das alegacións”, como nos prometeu Doña Carme? Aquí amosa a Conselleira o que é o carácter máis senlleiro deste persoaxe: un contumaz despostismo iletrado; despotismo porque a Sra. Carme Gallego non entende que non está a dirixirse a uns súbditos, senón a cidadáns libres, que esixen argumentos, e que poden tamén ter as súas razóns se cadra máis fundamentadas para rexeitar os degoiros das multinacionáis; e iletrado por pretender ocultar a súa propia ignorancia nunha suposta verdade apodíctica ou en estupideces tales como “o liderato mundial”. Non fai moito que o Presidente dos Criadores de Rodaballo de Galicia, don Pablo García, se gababa de ter tecnoloxía para poder instalar as macro-fábricas en calqueira lugar, incluso afastadas da costa. ¿Por qué agora teñén que instalarse necesariamente a pé de costa?

d) Prosegue a Consellería dicindo: “Non é obxecto do Plan a protección de supostos valores naturais, en todo caso élle esixible que os respecte, o que constitue un fundamento do plan en tanto en canto a súa revisión foi motivada pola necesidade de asegurar a coherencia con Rede Natura 2000”. Volve a presentársenos o plan como garante da Conservación da Rede Natura 2000. Se así fose, que non o é, respectaríase o 12% do territorio de Galicia. ¿Temos que tirar a conclusión de que o 88% do territorio de Galicia non merece ser protexido? ¿Debemos obviar que o Plan, no que se refire a Laxe Brava, di: “Consideramos que a área e posuidora de certos valores e méritos de conservación protexidos pola legislación actual,…”? A Consellería si o fai noutro exercicio de cinismo ambiental, posto que, Doña Carme, os valores ambientais de Laxe Brava non son ”supostos” como vostede di, están explicitados no Plan que vostedes elaboraron en colaboración estreita coas empresas de acuicultura, que os iñore é incalificable, pero non nos sorprende.

e) Especial atención merece a delicada situación actual na que se atopan os compañeiros de governo do Sr. Touriño, o Bloque Nacionalista Galego. Nestas última semanas semellaba imporse unha certa cordura, apuntando a un diálogo aberto coa Conselleira de Pesca para chegar a un consenso sobre o Plan. O rexeitamento ás alegacións supón unha desautorización en toda regla de todos aqueles que recoñeceron que este tipo de instalacións non responden á interese de Galicia e que abertamente recoñeceron que en ningún lugar de Europa serían socialmente asumibles. ¿Van a asumir como propias, e polo tanto refrendar no Parlamento ou no Consello da Xunta, unhas teses que denostaban non fai tanto? Veremos entón, que aqueles que promoteron aos cidadáns “facer país”, son cómplices necesarios da “desfeita do país”.

f) Mención aparte merece ó sector da acuicultura industrial galega. A día de hoxe podemos afirmar sen ningún xénero de dúbida que por méritos propios se erixiron na nova piratería do século XXI que arrasará o noso patrimonio natural sen piedade: xentes de nulos escrúpulos, como aqueles de épocas pretéritas, tamén practican a pillaxe, o saqueo e latrocinio, aínda que agora se sirven de sofisticados métodos que revisten dunha falsa legalidade a súa actividade usurpadora. Piden “seguridade xurídica”, cando queren dicir confiscación; falan de investementos multimillonarios, sendo como son subvencións públicas que saen dos nosos petos. Falan de milleiros de postos de traballo, cando como xa temos demostrado, os postos de traballos son cativos en calidade e número, sen contar os que paralelamente detrúen. Non existe actividade económica que poda desenrolarse conculcando os lexítimos dereitos dos cidadáns, como é o dereito á propiedade privada, porque o propio organismo social a expulsará como un corpo extrano. E estes novos saqueadores aínda non se decataron de que somos nós quenes decidiremos finalmente se a acuicultura industrial ten ou non ten cabida na nosa sociedade. Polo de agora, e baixo estas premisas, de xeito claro e rotundo, decímoslles ás pescanovas, stolt sea farms e isidros de la cal, que non aceptaremos os seus rapaces presupostos.

A Comisión de propietarios de Laxe Brava á vista do acontecido desexa manifestar:
a) Que non temos “motivos para crer” que os nosos gobernantes estean coas xentes do común e non cos intereses económicos de empresas depredadoras do millor do noso litoral.
b) Que non é con Plan como o PSAG como se chega a “facer país”, o país faise escoitando, atendendo e convencendo aos cidadáns e non impoñendo, actitude propia de tempos pasados. En troques, o PSAG “desfai o país”.
c) Que non venceron aínda os apoloxetas das bondades do PSAG e que seguiremos a loitar para deter este plan expoliador.
d) Que o governo do Sr. Touriño, que cando presentou a Carta de Dereitos dos Cidadáns, afirmou que pretendía desterrar actitudes de “prepotencia, silencio e opacidade” na relación da Administración cos cidadáns, amosa con esta resposta aos veciños de Laxe Brava cal é a súa concepción de Galicia e os galegos: súdbitos aos que se oe pero non se escoita. Actitudes despótica, en definitiva.
Desexamos por todo isto convidar a tódolos cidadáns de ben a que o día 17 de febreiro acompañen a gran manifestación que terá lugar nas rúas de Santiago berrando “Galicia non se vende, Laxe Brava non se vende”. Non ao Plan de Acuicultura.

viernes, 4 de enero de 2008

Resposta de Laxe Brava ás provocacións de Pesca


Ante as insistentes declaracións sobre o inminente visto e prace do Plan Acuicola de Galicia (en adiante PSAG) de diversos representantes da Consellería de Pesca en datas recentes, entre os que destacan os Sres. López Sieiro (Secretario Xeral de Pesca) e García Elorriaga (Director Xeral de Recursos Pesqueiros) e a propia Conselleira de Pesca, Dña. Carmen Gallego, os veciños desta Comisión de Propietarios de Laxe Brava desexamos manifestar o seguinte:
a) En primeiro lugar, afirma a Sra. Conselleira “entender que haxa propietarios de terreos rústicos no litoral e certas organizacións ós que non lles guste a acuicultura e que consideren que non se deba desenvolver”, afirmación totalmente falsa pois como é evidente nin un solo dos grupos opositores ao Plan, nin moitos menos esta Comisión, rexeitou a acuicultura en sí mesma, nin siquera o subsector da cría de peixes planos en terra firme, senón a planificación dun Plan desmesurado, que atende únicamente ós intereses das empresas e que non ten en conta alternativas ás macropiscifactorías a pé de costa, as cales existen e son rendibles. Si tan sólo dedicase cinco minutos do seu tempo a escoitar aos afectados e os nosos argumentos, cousa que non fixo en dous anos de prepotente tramitación do documento, vería a gran equivocación da súa peregrina afirmación.

b) Por outra banda, consideramos un feito extremadamente grave que a Consellería de Pesca por boca de tódolos seus representantes minta de xeito sistemático nun asunto tan delicado como son as promesas de postos de traballo que crean falsas expectativas na cidadanía. Falar de máis de 2000 postos de traballo xenerados por este Plan é unha obscenidade, pois este cálculo está feito en base ao ratio de un emprego por cada 11 tm de peixes.Tal cifra tírase das instalacións actualmente en funcionamento na Comunidade, as cales son de reducida dimensión e en moitos casos obsoletas. As últimas factorías que entraron en funcionamento en Galicia multiplican ata por oito a producción por cada traballador e é de pensar que as macro-piscifactorías que deseña o Plan aumentarán aínda máis estar desproporción. Por todo isto e dadas as consecuencias irreversibles que para o noso litoral terá o desenrolo deste Plan, esiximos á Xunta de Galicia un estudio independiente e riguroso sobre os postos de traballo que inducirá o Plan e – o que é tan importante – cántos postos de traballo se destruirán a consecuencia da degradación da costa. É preciso asimesmo cuantificar monetariamente o valor non sólamente dos “terrenos rústicos”, como afirma a Sra. Conselleira na súa limitada visión do mundo, senón nos seus aspectos medioambientais, paisaxísticos, etnográficos, culturais, sociais, etc.
Solicitamos asimesmo aos representantes de Pesca que abandonen a súa posición de simples voceiros e brazo executor de AROGA (Asociación de Productores de Rodaballo de Galicia), que son os promotores e redactores na sombra do PSAG, e se dediquen desde os seus respectivos postos a defender a interese de Galicia e os galegos.

c) Añade a Sra. Conselleira que a resposta social que está a recibir o Plan, con máis de 1000 alegacións e manifestacións multitudinarias, está na gran difusión que se lle deu. E agrega o Sr. Elorriaga de xeito sarcástico que ata se colgou en internet, como se os cidadáns revisasen a páxina de Pesca a cotío por si fosen agasallados cunha expropiación forzosa. Temos que lembrar ademáis que o periodo de exposición do PSAG coincideu intencionadamente co periodo estival. O que nós afirmamos é que o PSAG é, nas súas liñas fundamentáis, unha copia do da anterior administración autonómica, con grandes instalacións a pé de litoral, das que serían inviables en calqueira outro país de Europa.

d) En canto a esa frase baleira de Pesca que afirma que o PSAG respecta o medio ambiente e preserva Rede Natura, hai que lembrar que Galicia, a pesar da súa riqueza medioambiental, protexe con esta figura tan solo o 11% do seu territorio namentres outras comunidades do estado superan o 40%. E hai casos realmente singulares, como Laxe Brava, única área en máis de 10 kms. de costa que non foi protexida por Rede Natura e, curiosamente, é un lugar de excepcional condicións para a instalacións dunha macro-piscifactoría. O que nos induce a pensar dúas cousas: (1) que a Sra. Gallego instaura a lei de “todo vale” fóra de Natura e (2) aproveita de xeito sibilino a labor escomenzada pola anterior administración ao utilizar reservar para uso acuicola chan excluido de Rede Natura premeditadamente a petición do sector acuícola.

e) A fin de limitar as críticas sobre o repugnante método de expropiar terras de pequenos propietarios como os de Laxe Brava para agasallar ás multinacionáis, afirma cínicamente a Sra. Conselleira que os terreos revertirán á administración galega, e polo tanto a toda Galicia, unha vez finalizado o periodo de concesión. Ou sexa, que as multinacionáis sólo teñen que preocuparse de levarse os cartos das subvencións (nada menos que 390 millóns de euros), facer o seu negocio durante uns anos e acto seguido abandoar Galicia e deixar atrás un litoral enlixado e totalmente degradado que terá que ser recuperado de novo con cartos públicos de tódolos galegos.

f) Resulta sorprendente en que o argumento máis repetido na defensa do PSAG sexa o de ser sermos “líderes mundiales en producción acuícola”, récord de máis que dudosa honorabilidade e competición na cal os os grandes países consumidores de peixe de piscifactoría do noso entorno se atopan ausentes. Deste xeito, estes países exportan os enormísimos custos en termos paisaxísticos, medioambientáis e sociais namentres se surten de producto importado a precio módico. Según o noso parecer, este liderato corresponderá ás multinacionáis e Galicia será líder únicamente en degradación acelerada e intensiva do seu litoral.

Polo devandito, instamos tanto á Consellería de Pesca como ao goberno galego que abandonen a súa actitude soberbia retirando o PSAG e abran o debate a toda a sociedade sobre o modelo non sólo de acuicultura senón tamén de densenrolo que queremos.

martes, 6 de noviembre de 2007

Éxito absoluto da Marcha 4-N en Corrubedo


E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí pode ver máis fotos do evento.

jueves, 1 de noviembre de 2007

Debate no Parlamento de Galicia do día 30 de outubro

Tras o debate acontecido no día de onte (30 de outubro), no Parlamento de Galicia no que o deputado do Grupo Socialista Sr. Lage Tuñas dou resposta a unha moción sobre o Plan Sectorial da Acuicultura de Galicia (en adiante PSAG) actualmente en trámite, a Comisión de Propietarios de Laxe Brava, desexa manifestar o seguinte:

Insistimos unha vez máis en que o argumento utilizado polo Sr. Lage, idéntico ao da Sra. Conselleira de Pesca, de que o PSAG “compatibiliza o liderato na acuicultura coa defensa do territorio” é un argumento baleiro e falaz, que tenta ocultar un modelo industrial intensivo en consumo de recursos naturais e máis propio de épocas preindustriais que de unha economía desenvolvida e moderna como é a galega. A pretensión de colocar a Galicia nun “liderato mundial na cría de peixes planos”, nunha actuación típica de políticas acomplexadas e propagandísticas, terá como resultado – de levarse a cabo – o liderato para Galicia pero en outros eidos de moi distinto tipo: en destrucción de litoral, con esa nova Marea Negra de 3 millóns de metros cadrados de formigón armado; en despilfarro de cartos públicos, cos máis de 390 millóns de euros en subvencións; en ridículo número de postos de traballo (275 como moito según os nosos cálculos); en repulsa social, cos milleiros de sinaturas e máis de 1000 alegacións ao proxecto; e en incalculables perdas en termos medioambientais, patrimoniais e paisaxísticos.

Neste mesmo debate os dous grupos que sustentan ao actual goberno da Xunta, PSdeG- PSOE e BNG, apoiaron o PSAG sen fisuras. Polo tanto, queremos responsabilizar directamente da desfeita á que nos conduce o PSAG a todos e cada un dos membros destes dous grupos presentes onte no Parlamento de Galicia, e por extensión ás agrupacións políticas que representan. A acción de goberno implica aos dous partidos que forman o bipartito e por iso ámbolos dous son responsables das iniciativas lexislativas aprobadas no Parlamento ou no Consello da Xunta.

Consideramos inaceptables por equívocas ás chamadas á negociación que nestas últimas datas se están a invocar desde certos representantes políticos. Chegou a hora de asumir responsabilidades e rexeitar con contundencia o PSAG, sen contemporizacións nen panos quentes. A estas persoas, recordarlles que non se pode nadar e gardar a roupa ao mesmo tempo, e que non se pode negociar con quen ameaza e coacciona con expropiacións forzosas. Desde esta Comisión sólo aceptaremos a retirada unilateral e sen condicións do PSAG.

A tramitación deste plan está a caracterizarse polas actitudes cobizosas das multinacionais acuicolas – auténticas redactoras do plan na sombra - e pola prepotencia e opacidade deste goberno. Por este camiño, sólo conseguirán que non reafirmemos no noso propósito de loitar en contra do PSAG en tódolos ámbitos dentro da máis estricta legalidade, e abocar á acuicultura industrial á súa xudicialización se non nos deixan outra alternativa.

Por último, desexamos invitar a tódalas persoas a manifestarse o vindeiro día 4 de novembro ás 12 da mañá en Corrubedo en contra desde Plan. Que o clamor popular faga reflexionar aos políticos.