miércoles, 24 de octubre de 2007

Reixa súmase ás mobilizacións

Antón Reixa ven de dar o seu apoio públicamente á marcha que terá lugar o vindeiro día 4 de novembro no peirao de Corrubedo en protesta polo Plan Sectorial da Acuicultura. Desde aquí agradecémolle profundamente o seu apoio.
Contrasta a súa actitude decidida co silencio cómplice de outros membros de eso que damos en chamar "intelectualidade", que tanto protestaban contra as agresións ao territorio en tempos da anterior administración autonómica e que semellan paralizados nestes intres ao comprobar que un goberno pretendidamente progresista plantexa un mesmo modelo de desprecio hacia o noso patrimonio natural, cultural e etnográfico, e mesmo hacia os cidadáns. As consecuencias do PSAG, eses 3,5 millóns de metros cadrados do noso litoral que quedarán asolagados sobre unha nova marea negra, esta vez de formigón, serán totalmente irrecuperables consumada a desfeita, pero as mentes pensantes aboríxenes parecen non decatarse deste feito. ¿Serán quen os nosos intelectuais de acudir a esta chamada desesperada do país, ou terán que laiarse nun futuro dunha pasividade inexplicable?
A resposta, o día 4.

viernes, 12 de octubre de 2007

Carta aberta Ao Exmo. Sr. Manuel Vázquez, Conselleiro de medio ambiente e desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia

Señor Conselleiro:
Tras a recente aparición dunha entrevista con vostede na edición de Galicia do diario El País de 7 de outubro de 2007, e dados os numerosos erros, inexactitudes e terxiversacións supoñemos que non deliberadas, que na mesma se verten sobre o Plan Sectorial da Acuicultura de Galicia (en adiante PSAG), a Comisión de Propietarios de Laxe Brava (Teira, Corrubedo), do Concello de Ribeira, vémonos na obriga de puntualizar o seguinte:

a) Declara vostede que ‘es el gobierno el que compra el suelo y se lo da a la empresa con una concesión de 30 años’, afirmación a todas luces falsa por canto a figura que recolle o PSAG para habilitar espazo para as piscifactorías é a dunha expropiación forzosa (non hai por tanto compra senón confiscación) baixo o falaz argumento da declaración de utilidade pública ou interés social, cando o único interés deste plan é o gran negocio das multinacionais. Chegase así a unha situación paradóxica, son a sociedade e salientablemente os propietarios das terras (na inmensa maioría terras de labranza) os que asumen os costes do plan (ambientais, patrimoniais, culturais, paisaxísticos) e as empresas de acuicultura as que disfrutan dos beneficios. Socialízanse as perdas e privatizanse os beneficios, nunha esquizofrenia difícil de entender nun goberno que se di de esquerdas.
b) Continúa aseverando que ‘no se ocupará ni un metro cuadrado más [en Red Natura]’, dato inexacto por canto en varias ampliacións invádese espazos protexidos, multiplicando en algún caso por vinte a superficie actualmente afectada.
c) Unha instalación industrial será viable ou non o será, sen termos medios; non entendemos, polo tanto, que se nos diga que ‘en la medida en que alejas la piscifactoría de la costa, haces más inviable esa planta’. Unha actividade como a acuicultura industrial, que recibe máis dun 50% de subvencións públicas a cambio dun reducidísimo número de postos de traballo, ten o deber de explicar á sociedade con claridade e transparencia qué entende por viabilidade económica, máxime cando nos consta que actualmente existe tecnoloxía que permite afastar as granxas do litoral.
d) Fálasenos unha e outra vez (é xa un eslogan deste goberno) de ‘ser a primeira potencia mundial en peces planos’, liderato de máis que dudoso prestixio se ten que construirse a base de esnaquizar a costa con brutais macro-piscifactorías como a de Laxe Brava, cunha superficie equivalente a cincuenta campos de fútbol e de estragar cifras astronómicas de recursos públicos en subvencións de máis que dudoso retorno social. Ou de despreciar a vixente legalidade urbanística ao legalizar piscifactorías con orde firme de derrubo dictada por un xuíz, como pretende o PSAG, o que transmite unha mensaxe desmoralizante á sociedade: a de que a lei é continxente cando unha multinacional acuícola está involucrada.
¿Alguén nos preguntou aos galegos se estábamos dispostos a ser potencia acuícola pagando este alto precio?
e) Parécenos contradictorio, Sr. Váquez, que se queixe vostede de que ‘el PP declaró muy poca Red Natura’ e que agora se aproveite o PSAG deste feito para ubicar piscifactorías en espazos que serían merecedores de ser preservados. Está vostede admitindo tácitamente, por exemplo, que Laxe Brava, único tramo de costa entre o Castro de Baroña e o Parque Dunar de Corrubedo non protexido pola Rede e – curiosamente - lugar de excepcionais condicións para a construcción dun parque acuicola, foi excluido de protección intencionadamente polo anterior goberno a petición do sector acuicola. E agora, vostedes rematan o traballo, sendo polo tanto cómplices da desfeita.
f) Entendemos que a súa axenda como Conselleiro é moi apretada e que a memoria traicionanos en ocasións, pero iso non excusa en modo algún o sarcasmo non exento de cinismo que vostede emprega cando afirma que ‘nosotros decidimos no poner una piscifactoría en Costa Galloufa [Porto do Son] por un estudio simulado de cómo incidiría la planta en el Paisaje del Castro’. Lembre, Sr. Váquez, que o proxecto de Baroña foi declarado de incidencia supramunicipal por un Consello da Xunta no que vostede tomou parte, abrindo así a vía da expropiación forzosa; e de que vostede mesmo comprometeuse nun acto electoral en Baroña en maio de 2007 á construcción da piscifactoría, a pesares de estar a escasos douscentos metros do Castro do mesmo nome e do firme rexeitamento veciñal. Parecía non importarlle tanto a ‘paisaxe’ daquela.

Dicirlle por último, que se poderá tentar manipular, terxiversar e confundir á opinión pública tanto como se queira, mais ninguén será quen de silenciar o debate que está a chegar sobre o PSAG e os absurdos ‘lideratos mundiales’ en fabricación de peixe que desde certos eidos se nos pretende vender.

Reciba un saúdo desta Comisión de Propietarios de Laxe Brava-Corrubedo.
En Laxe Brava, Corrubedo, a 10 de outubro de 2007.

miércoles, 10 de octubre de 2007

Manifestación contra o Plan Sectorial da Acuicultura

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS.
NON AO PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!
MANIFESTACIÓN NACIONAL EN CORRUBEDO, 4 DE NOVEMBRO, ÁS 12:00 DA MAÑÁ, NO PORTO DE CORRUBEDO
Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da Xunta.
Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e
encefalogramas planos nos despachos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido ambiental. Millóns de metros cadrados de litoral liberado poden ficar para sempre soterrados baixo o formigón transnacional. As macrofábricas de peixe agreden directamente unha chea de espazos naturais, moitas veces integrantes –ou lindantes– cunha Rede Natura 2000 da que depende a sustentabilidade dos nosos recursos. Resulta tendencioso pretender que instalacións
industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración non vaian impactar sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto indecente no eido social. A Xunta pretende agasallar ás empresas con aquilo que as galegas e os galegos sempre conservamos. Velaí o noso castigo. Queren, ao cabo, facer unha expropiación salvaxe do litoral. O Plano ataca de cheo ás áreas costeiras que sempre estiveron liberadas das agresións industriais e urbanísticas. Son o pouco que nos queda, e non estamos dispostos a que caian nas mans de
empresas depredadoras. O Plano foi consensuado coas empresas desprezando a opinión do pobo, no que en último caso reside a soberanía do país. Sen nós, non hai Plano.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido económico. A acuicultura en terra só representa o 1,8% da actividade do sector en Galiza. Falar do carácter
estratéxico do plano sectorial é enganar ao pobo, pois só resposta ás necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo –e mesmo poñendo en perigo– a achega, esta si estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo marisqueiro, que ocupan a máis de
10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Expropiar ao pobo para beneficiar a empresas que en moitas ocasión nin sequera están no tecido económico do país é unha actitude colonialista. Estas macroplantas van esnaquizar a costa, non van xerar nin de lonxe o
emprego que din e van recibir case 400 millóns de euros de subvencións públicas, que deberían ser investidos na valorización dos nosos recursos naturais e na creación de actividades produtivas sustentábeis ao redor dos nosos espazos protexidos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS, chamamos ás galegas e aos galegos a berrar connosco no Porto de Corrubedo, o 4 de novembro de 2007 ás 12:00 da mañá, contra esta
aberración ambiental, social e económica á que nos quere condear a Xunta.

CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.
APOIAN (a 10 de outubro): Greenpeace, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Colectivo Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín.

Conflictividade laboral


"Emprego estable e de calidade", "reactivación económica de zonas costeiras deprimidas", "condicións laboráis inmellorables", "revulsivo económico para zonas empobrecidas", etc. etc. Estas son algunhas das perlas cas que habitualmente se despachan os fabricantes de peixe para defender a súa actividade. E por iso non entendemos que exista tanta conflictividade laboral en empresas como Stolt Sea Farm, cuxos traballadores están a se mobilizar nestes días. Por certo, 200 traballadores incluíndo directivos e comerciales para a que presume de sera meirande multinacional acuícola. ¿É este o "sector estratéxico para Galicia" que nos vai a convertir na California de Europa, señores do bipartito?