viernes, 12 de octubre de 2007

Carta aberta Ao Exmo. Sr. Manuel Vázquez, Conselleiro de medio ambiente e desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia

Señor Conselleiro:
Tras a recente aparición dunha entrevista con vostede na edición de Galicia do diario El País de 7 de outubro de 2007, e dados os numerosos erros, inexactitudes e terxiversacións supoñemos que non deliberadas, que na mesma se verten sobre o Plan Sectorial da Acuicultura de Galicia (en adiante PSAG), a Comisión de Propietarios de Laxe Brava (Teira, Corrubedo), do Concello de Ribeira, vémonos na obriga de puntualizar o seguinte:

a) Declara vostede que ‘es el gobierno el que compra el suelo y se lo da a la empresa con una concesión de 30 años’, afirmación a todas luces falsa por canto a figura que recolle o PSAG para habilitar espazo para as piscifactorías é a dunha expropiación forzosa (non hai por tanto compra senón confiscación) baixo o falaz argumento da declaración de utilidade pública ou interés social, cando o único interés deste plan é o gran negocio das multinacionais. Chegase así a unha situación paradóxica, son a sociedade e salientablemente os propietarios das terras (na inmensa maioría terras de labranza) os que asumen os costes do plan (ambientais, patrimoniais, culturais, paisaxísticos) e as empresas de acuicultura as que disfrutan dos beneficios. Socialízanse as perdas e privatizanse os beneficios, nunha esquizofrenia difícil de entender nun goberno que se di de esquerdas.
b) Continúa aseverando que ‘no se ocupará ni un metro cuadrado más [en Red Natura]’, dato inexacto por canto en varias ampliacións invádese espazos protexidos, multiplicando en algún caso por vinte a superficie actualmente afectada.
c) Unha instalación industrial será viable ou non o será, sen termos medios; non entendemos, polo tanto, que se nos diga que ‘en la medida en que alejas la piscifactoría de la costa, haces más inviable esa planta’. Unha actividade como a acuicultura industrial, que recibe máis dun 50% de subvencións públicas a cambio dun reducidísimo número de postos de traballo, ten o deber de explicar á sociedade con claridade e transparencia qué entende por viabilidade económica, máxime cando nos consta que actualmente existe tecnoloxía que permite afastar as granxas do litoral.
d) Fálasenos unha e outra vez (é xa un eslogan deste goberno) de ‘ser a primeira potencia mundial en peces planos’, liderato de máis que dudoso prestixio se ten que construirse a base de esnaquizar a costa con brutais macro-piscifactorías como a de Laxe Brava, cunha superficie equivalente a cincuenta campos de fútbol e de estragar cifras astronómicas de recursos públicos en subvencións de máis que dudoso retorno social. Ou de despreciar a vixente legalidade urbanística ao legalizar piscifactorías con orde firme de derrubo dictada por un xuíz, como pretende o PSAG, o que transmite unha mensaxe desmoralizante á sociedade: a de que a lei é continxente cando unha multinacional acuícola está involucrada.
¿Alguén nos preguntou aos galegos se estábamos dispostos a ser potencia acuícola pagando este alto precio?
e) Parécenos contradictorio, Sr. Váquez, que se queixe vostede de que ‘el PP declaró muy poca Red Natura’ e que agora se aproveite o PSAG deste feito para ubicar piscifactorías en espazos que serían merecedores de ser preservados. Está vostede admitindo tácitamente, por exemplo, que Laxe Brava, único tramo de costa entre o Castro de Baroña e o Parque Dunar de Corrubedo non protexido pola Rede e – curiosamente - lugar de excepcionais condicións para a construcción dun parque acuicola, foi excluido de protección intencionadamente polo anterior goberno a petición do sector acuicola. E agora, vostedes rematan o traballo, sendo polo tanto cómplices da desfeita.
f) Entendemos que a súa axenda como Conselleiro é moi apretada e que a memoria traicionanos en ocasións, pero iso non excusa en modo algún o sarcasmo non exento de cinismo que vostede emprega cando afirma que ‘nosotros decidimos no poner una piscifactoría en Costa Galloufa [Porto do Son] por un estudio simulado de cómo incidiría la planta en el Paisaje del Castro’. Lembre, Sr. Váquez, que o proxecto de Baroña foi declarado de incidencia supramunicipal por un Consello da Xunta no que vostede tomou parte, abrindo así a vía da expropiación forzosa; e de que vostede mesmo comprometeuse nun acto electoral en Baroña en maio de 2007 á construcción da piscifactoría, a pesares de estar a escasos douscentos metros do Castro do mesmo nome e do firme rexeitamento veciñal. Parecía non importarlle tanto a ‘paisaxe’ daquela.

Dicirlle por último, que se poderá tentar manipular, terxiversar e confundir á opinión pública tanto como se queira, mais ninguén será quen de silenciar o debate que está a chegar sobre o PSAG e os absurdos ‘lideratos mundiales’ en fabricación de peixe que desde certos eidos se nos pretende vender.

Reciba un saúdo desta Comisión de Propietarios de Laxe Brava-Corrubedo.
En Laxe Brava, Corrubedo, a 10 de outubro de 2007.

No hay comentarios: