sábado, 16 de febrero de 2008

Manifestación Galicia non se Vende

O vindeiro día 17 de febreiro, ás 12 da mañá na Alameda de Santiago, nova convocatoria de Galicia non se vende. Estades convidados.



Prepotencia, silencio e opacidade, divisas do governo do Sr. Touriño


Depois destes últimos seis meses nos que veciños de Laxe Brava vimos aportando razóns contundentes sobre o noso rexeitamento razoado á instalación dunha piscifactoría nas nosas terras e que explicitamos nas máis de 700 alegacións, e coincidindo ca época do Antroido, a Consellería ven de rexeitar os nosos argumentos. O cal, ponnos en bandexa adxetivar a contestación (qué nome tan oportuno o de antroidada para o dislate da resposta), queremos facer públicas algunhas consideracións sobre a resposta da Consellería:
a) Contesta a Consellería aos nosos argumentos rexeitando “o carácter supramunicipal así como do resto de preceptos legais e norrmativos aos que se fai referencia son de carácter completamente subxectivo”. Así, sen máis, os argumentos son subxectivos, arrogándose a posesión da obxectividade. Da obxectividade, a igualdade de trato, a ética e a estética política da Consellería temos probas abondo dende a publicación no DOG do Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia (PSAG). Basta revisar as hemerotecas para saber que a Conselleira non recibiu a ningunha organización que rexeita o PSAG, mais tivo tempo para facer unha xira de visitas a Empresas de Acuicultura, non sabemos se para convencer aos empresarios das bondades do Plan, para dicirlles persoalmente que rexeita todas as alegacións ou por outros motivos que non albiscamos, pero si sabemos que polo menos aproveita a xira para gabarse dos cartos públicos que leva invertidos nas empresas que visita (consúltense na páxina Web da Consellería de Pesca as reseñas últimas da xira).

b) Afirma a Consellería que “o interese público e a utilidade social do Plan resulta evidente se se teñen en conta aspectos tales como o seu alcance rexional, a importancia social, económica e ambiental do sector, a necesidade da súa regulación e o carácter do seu promotor (Xunta de Galicia)”. Contestar a certas cuestións como as que se plantexan no parágrafo anterior prodúcenos rubor xa que as administracións públicas teñen promovido neste país verdadeiras aberracións, consentido outras ou mesmo que algunhas delas sexan de tanto interese público, utilidade social e desmesura (Cidade da Cultura) que poden poñer en perigo a propia financiación dalgunha Consellería, ou que reciban labazadas de organismos fiscalizadores da propia administración, non parece ser un bo aval para afirmar que como a Xunta é a promotora é evidente a súa bondade.

c) Di a Consellería que “a actividade acuícola deba instalarse en espazos rurais inmediatamente lindantes co mar non parece que requira dunha argumentación técnica nin económica particularmente detallada tendo en conta entre outros factores sinalados no plan a absoluta dependencia de obtención de auga do mar en óptimas condicións”. ¿É esta forma de “respostar a todas e cada unha das alegacións”, como nos prometeu Doña Carme? Aquí amosa a Conselleira o que é o carácter máis senlleiro deste persoaxe: un contumaz despostismo iletrado; despotismo porque a Sra. Carme Gallego non entende que non está a dirixirse a uns súbditos, senón a cidadáns libres, que esixen argumentos, e que poden tamén ter as súas razóns se cadra máis fundamentadas para rexeitar os degoiros das multinacionáis; e iletrado por pretender ocultar a súa propia ignorancia nunha suposta verdade apodíctica ou en estupideces tales como “o liderato mundial”. Non fai moito que o Presidente dos Criadores de Rodaballo de Galicia, don Pablo García, se gababa de ter tecnoloxía para poder instalar as macro-fábricas en calqueira lugar, incluso afastadas da costa. ¿Por qué agora teñén que instalarse necesariamente a pé de costa?

d) Prosegue a Consellería dicindo: “Non é obxecto do Plan a protección de supostos valores naturais, en todo caso élle esixible que os respecte, o que constitue un fundamento do plan en tanto en canto a súa revisión foi motivada pola necesidade de asegurar a coherencia con Rede Natura 2000”. Volve a presentársenos o plan como garante da Conservación da Rede Natura 2000. Se así fose, que non o é, respectaríase o 12% do territorio de Galicia. ¿Temos que tirar a conclusión de que o 88% do territorio de Galicia non merece ser protexido? ¿Debemos obviar que o Plan, no que se refire a Laxe Brava, di: “Consideramos que a área e posuidora de certos valores e méritos de conservación protexidos pola legislación actual,…”? A Consellería si o fai noutro exercicio de cinismo ambiental, posto que, Doña Carme, os valores ambientais de Laxe Brava non son ”supostos” como vostede di, están explicitados no Plan que vostedes elaboraron en colaboración estreita coas empresas de acuicultura, que os iñore é incalificable, pero non nos sorprende.

e) Especial atención merece a delicada situación actual na que se atopan os compañeiros de governo do Sr. Touriño, o Bloque Nacionalista Galego. Nestas última semanas semellaba imporse unha certa cordura, apuntando a un diálogo aberto coa Conselleira de Pesca para chegar a un consenso sobre o Plan. O rexeitamento ás alegacións supón unha desautorización en toda regla de todos aqueles que recoñeceron que este tipo de instalacións non responden á interese de Galicia e que abertamente recoñeceron que en ningún lugar de Europa serían socialmente asumibles. ¿Van a asumir como propias, e polo tanto refrendar no Parlamento ou no Consello da Xunta, unhas teses que denostaban non fai tanto? Veremos entón, que aqueles que promoteron aos cidadáns “facer país”, son cómplices necesarios da “desfeita do país”.

f) Mención aparte merece ó sector da acuicultura industrial galega. A día de hoxe podemos afirmar sen ningún xénero de dúbida que por méritos propios se erixiron na nova piratería do século XXI que arrasará o noso patrimonio natural sen piedade: xentes de nulos escrúpulos, como aqueles de épocas pretéritas, tamén practican a pillaxe, o saqueo e latrocinio, aínda que agora se sirven de sofisticados métodos que revisten dunha falsa legalidade a súa actividade usurpadora. Piden “seguridade xurídica”, cando queren dicir confiscación; falan de investementos multimillonarios, sendo como son subvencións públicas que saen dos nosos petos. Falan de milleiros de postos de traballo, cando como xa temos demostrado, os postos de traballos son cativos en calidade e número, sen contar os que paralelamente detrúen. Non existe actividade económica que poda desenrolarse conculcando os lexítimos dereitos dos cidadáns, como é o dereito á propiedade privada, porque o propio organismo social a expulsará como un corpo extrano. E estes novos saqueadores aínda non se decataron de que somos nós quenes decidiremos finalmente se a acuicultura industrial ten ou non ten cabida na nosa sociedade. Polo de agora, e baixo estas premisas, de xeito claro e rotundo, decímoslles ás pescanovas, stolt sea farms e isidros de la cal, que non aceptaremos os seus rapaces presupostos.

A Comisión de propietarios de Laxe Brava á vista do acontecido desexa manifestar:
a) Que non temos “motivos para crer” que os nosos gobernantes estean coas xentes do común e non cos intereses económicos de empresas depredadoras do millor do noso litoral.
b) Que non é con Plan como o PSAG como se chega a “facer país”, o país faise escoitando, atendendo e convencendo aos cidadáns e non impoñendo, actitude propia de tempos pasados. En troques, o PSAG “desfai o país”.
c) Que non venceron aínda os apoloxetas das bondades do PSAG e que seguiremos a loitar para deter este plan expoliador.
d) Que o governo do Sr. Touriño, que cando presentou a Carta de Dereitos dos Cidadáns, afirmou que pretendía desterrar actitudes de “prepotencia, silencio e opacidade” na relación da Administración cos cidadáns, amosa con esta resposta aos veciños de Laxe Brava cal é a súa concepción de Galicia e os galegos: súdbitos aos que se oe pero non se escoita. Actitudes despótica, en definitiva.
Desexamos por todo isto convidar a tódolos cidadáns de ben a que o día 17 de febreiro acompañen a gran manifestación que terá lugar nas rúas de Santiago berrando “Galicia non se vende, Laxe Brava non se vende”. Non ao Plan de Acuicultura.