miércoles, 19 de septiembre de 2007

Apromar lanza a marca "Crianza del Mar"

A Asociación Empresarial de Productores de Cultivos Marinos de España (APROMAR) presentou estes días con gran desplegue de medios e abondoso apoio institucional a marca "Crianza del Mar" que pretende ser un distintivo de calidade para potenciar a comercialización de robaliza e dorada de piscifactoría. Paga a pena visitar a súa páxina na Internet para atoparse de novo con esas imaxes bucólicas de piscinas flotando en mar aberto que transmiten a sensación de integración e respeto ao medio.
¿Por qué será que non aparecen nunca fotos de piscifactorías como a de Cabo Vilano, que amosamos na anterior entrada? Terxiversando, coma sempre.

sábado, 15 de septiembre de 2007

A perplexidade do experto

Uxío Labarta, biólogo do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) con moitos anos de estudos ás súas costas sobre o sector pesqueiro galego, daba conta na súa columna codex floriae dos atrancos que está a atopar o Plan de Pesca. Ao noso entender apunta sesgado para non acertar na diana. É certo que a expropiación forzosa que contempla o plan supón a abolición de facto das leis do mercado para, acto seguido, ceder as lexítimas propiedades dos veciños a unha multinacional que tirará delas beneficios de abondo. Estamos polo tanto ante un acto administrativo que por arte de birli-birloque incrementa exponencialmente o valor dun activo con manifesta intención de enriquecer a uns en perxuicio dos máis. Un pelotazo acuícola, como se di por estas terras. Como afirma o documento, un dos fins da revisión do Plan era ofrecer seguridade xurídica ás empresas, aínda que no fondo o que pretendan é inmunidade ante a lei. ¿Pisoteando un dereito constitucional fundamental, como é o da propiedade privada? ¿Quedamos en que todos somos iguais ante a lei ou non?
Labarta lanza asimesmo, nun acceso de corporativismo, un insidioso ataque ás posturas das entidades ecoloxistas, que por certo tanto están a facer porque non se repitan imaxes lamentables como a da foto, correspondente a Cabo Vilán e recibe cumprida resposta de Adela Figueroa, de ADEGA. Ben merecido!

jueves, 13 de septiembre de 2007

Dúbidas sobre o Plan Sectorial

Parece ser que a resposta social que está a recibir o Plan da Sra. Gallego e/ou o Cluster da Acuicultura (aquí xa non sabemos onde remata a tarefa dunha e escomenza a dos outros) fixo dar medio chouto a algún membro da nosa esforzada clase política. Así, os deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Ana Pontón veñen de rexistrar no Parlamento de Galicia varias preguntas ao goberno sobre este tema; e no mesmo senso está a encamiñar a súa labor a agrupación local do BNG de Ribeira en contra das instalacións cos que agasallou Pesca ao Concello. Agora ben, vistas as propostas deste grupo, e non dubidando da súa mellor vontade, discrepamos das formas en que están a ser plantexadas pois fálasenos de "negociación" ou "lograr el desarrollo de esa nueva fuente de riqueza compatibilizándola con la preservación del medio ambiente". Consideramos desafortunado que se nos fale de negociación cando temos enriba a ameaza dunha expropiación forzosa exercida por unha administración que debería estar preocupada por defender os intereses dos seus cidadáns. E en canto á nova fonte de riqueza, gustaríanos que nolo explicasen, a nós que somos de aldea, porque non vemos tal. De compatibilizar medio ambiente e desenrolo, xa nin falamos porque é unha frase demasiado gastada por certos persoeiros que de respecto ó medio, nada de nada ... e de desenrolo económico, sólo para uns poucos.
Vostedes que se dedican á vida pública, señores/as políticos/as, desde Laxe Brava vai esta mensaxe: non se pode estar na misa e repicando.

martes, 11 de septiembre de 2007

Petición de ditame á Xunta Rectora do Parque Natural de Corrubedo

Os veciños de Laxe Brava, fixemos hoxe entrega dun documento dirixido á Xunta Rectora do Parque Natural de Corrubedo por mor do Parque Acuícola Laxe Brava, que di así:
"Diante da intención da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia de promover unha planta de engorde de peixes planos no Corgo (Corrubedo), dentro do Plan sectorial de Acuicultura de Galicia, diversas entidades se teñen pronunciado sobre a dita instalación.
Os propietarios das terras que serán expropiadas (308.000 m2) presentamos 730 documentos de alegacións onde rexeitábamos, entre outras cousas, que o proxecto fose de interés público e de incidencia supramunicipal, ademais de consideracións de tipo ambiental, entre as que queremos destacar a posible afectación que podería ter, dada a proximidade, co Parque Natural, a menos de mil cincocentos metros.
A planta proxectada para o Corgo (Laxe Brava- Parque nº 9) sería, de implantarse a meirande de Europa, unha macropiscifactoría que empregaría un caudal de auga de 15 m3 por segundo e verquería na franxa costeira cercana ao parque efluentes cunha alta carga orgánica. Incrementaríase notablemente no entorno do Parque o tráfico pesado e a contaminación acústica que toda actividade industrial conleva, ademáis das agresivas obras civiles precisas para a instalación, tales como a construcción de novos viales, tendidos eléctricos e a mesma planta, un xigantesco continuo de formigón e plásticos mesmo lindando – cando non invadindo, como ocurrirá cos conductos de captación e evacuación de augas - cunha fráxil área de Rede Natura que discurre en dirección Noreste. Ademáis sofriría un importante impacto a paisaxe xa que quedaría destruida totalmente nos 308.000m2 xusto a carón do Parque Natural.
Tamén se perdería un importante patrimonio cultural, patrimonio inmaterial pero non menos digno de protexer e salvagardar para futuras xeracións (toponimia, lendas, tradicións).
Os cidadáns que vivimos nas proximidades do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán disfrutamos de xeito directo dun entorno natural privilexiado, patrimonio de todos os galegos, e somos en razón desta proximidade os principais interesados na súa defensa, sendo os primeiros perxudicados no caso de que o Parque ou o seu contorno se deteriore. É por isto, que os propietarios dos terrenos afectados, que nun número importante tamén aportamos terras para o Parque Natural, solicitamos a opinión cualificada desta Xunta Rectora sobre a instalación do Parque nº 9 – Laxe Brava, que ao noso entender danaría irremediablemente un contorno privilexiado xusto a carón dun Parque Natural que é emblema da bisbarra e de Galicia polos seus valores ambientais paisaxísticos e culturais."
Esperamos a resposta.

viernes, 7 de septiembre de 2007

Envío de sinaturas polos afectados de Laxe Brava (Corrubedo)

Os veciños de Teira e Corrubedo enviamos hoxe á Conselleira de Pesca e ao Presidente da Xunta de Galicia as sinaturas de propietarios afectados polo Plan da Señora Gallego, manifestando o noso completo rexeitamento á expropiación das nosas terras con fins acuícolas. Amosámolle ademáis o noso disgusto polo xeito opaco e prepotente no que se está a tramitar o documento, pensado única e exclusivamente en favorecer os intereses dun puñado de empresas.

Fixemos chegar copia da nosa protesta aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia posto que estamos a comprobar que parecen non enterarse do que acontece nas rúas. ¿Será que non len a prensa?

Os arquitectos súmanse ás críticas ao Plan Sectorial da Acuicultura

Os arquitectos coruñeses, a través do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, uníronse ás voces de protesta de ecoloxistas e veciños afectados polo plan de Pesca, argumentando que o documento incumple a Lei do Solo. Nas súas alegacións afirman que estas instalacións non propician "o mantemento, diversificación e desenrolo sustentable do territorio e da súa poboación" e non protexen "os valores agrarios, forestais e naturais". Os profesionais coruñeses consideran ademáis que o proxecto incumple o Decreto 80/2000 que regula as condicións que debe reunir un plan sectorial para ser declarado de incidencia supramunicipal e polo tanto xustificar expropiacións forzosas. Esta norma prohibe actuacións en solo rústico de especial protección cando "sexan incompatibles cos seus valores ecolóxicos, ambientales, paisaxísticos, históricos, etnográficos e culturais". É evidente que o parque Laxe Brava, cuxo solo está calificado como rústico de protección de costas e protección de espazos naturais é absolutamente incompatible cun uso acuícola, tal e como os veciños argumentamos nas nosas alegacións.
"Estas instalacións xeneran millóns de litros de auga contaminada cada ano", prosiguen os arquitectos, "[..] e son unha fonte de risco biolóxico e contaminación orgánica e química [...]". Por último salientan o escaso número de postos de traballos xenerados polas piscifactorías dado que "os procesos productivos están altamente automatizados".
Pesca e os seus caprichos
Por outra banda, o avogado Ramón Sabín que defende aos veciños de Quilmas (Carnota) , en contra da brutal ampliación que a multinacional norueguesa Stolt Sea Farm pretende acometer, afirmou que a postura do departamento de Carme Gallego é "caprichosa", empeñada en sacar adiante o Plan por enriba dos intereses dos principais damnificados, os donos das terras, e que non se pode entender a defensa que a Consellería de Pesca fai do interés público, pois "sólo se benefician as compañías que promoven estos parques". Por outra banda, incluso manifestou que non lle extrañaría que nun futuro se desenrolase unha actuación urbanística en zonas afectadas polo Plan.
¿Teremos que empezar a familiarizarnos en Corrubedo co termo pelotazo acuícola?

domingo, 2 de septiembre de 2007

Os propietarios entregan máis de setecentas alegacións contra o Plan Sectorial da Acuicultura e o parque Laxe Brava en Corrubedo

Os veciños e propietarios de Teira e Corrubedo (Ribeira) vimos de facer entrega de 739 alegacións en contra do Plan Sectorial da Acuicultura, concretando a nosa protesta no Parque nº 9 - Laxe Brava, cunha superficie de 308000 metros cadrados. Dito Parque, atópase a escasos mil cincocentos metros do Parque Natural de Corrubedo e afectaría a unha fráxil marxe costeira protexida por Rede Natura.

Os propietarios discutimos o carácter de "utilidade pública e marcado interés social" baixo o cal a Consellería quere tramitar as instalacións, permitindo así unha declaración de supramunicipalidade e acometendo acto seguido unha expropiación forzosa en ningún xeito xustificada.
Consulte a reseña ampliada en La Voz de Galicia.